Monday 01 de July de 2024

“Brión Solidario” pon en marcha a quinta campaña de recollida de alimentos polo Nadal


Nesta ocasión precísanse especialmente: azucre, produtos de Nadal, conservas e produtos de hixiene

O Concello de Brión pon en marcha por quinto ano consecutivo, a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario” co obxectivo de recoller alimentos para as familias máis vulnerables do municipio. Unha iniciativa que conta co inestimable apoio dos veciños e veciñas de Brión neste último lustro e que mesmo intensifica a súa colaboración nestas datas especiais do Nadal.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “estas doazóns, xunto coas importantes achegas que periodicamente fai o Banco de Alimentos, están a permitir a atención das necesidades alimentarias básicas dunhas 30 familias do Concello, é dicir, unas 100 persoas, en gran parte menores”. O Concello de Brión lembra que a colaboración pode realizarse tanto individualmente como en grupo (asociacións, empresas, amigos, compañeiros…) e que se poden achegar alimentos non perecedoiros ou donativos en metálico.

No caso das achegas de alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados, este ano precísanse especialmente produtos de Nadal, azucre, conservas e produtos de hixiene; sendo menos necesarios outros como o aceite, o leite, a pasta, o arroz e as galletas. As achegas poden entregarse dende hoxe e ata o remate do Nadal nos distintos departamentos municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) ou no supermercado Froiz de Montebalado.

Por outra banda, os donativos en metálicos poderán entregarse na Tesourería Municipal do Concello ou ser ingresados na conta do Concello en Abanca de Montebalado, séndolles entregado en ambos casos o correspondente xustificante de ingreso.

Felicitación

Dende os Servizos Sociais de Brión felicitan á cidadanía e ao tecido social e empresarial de Brión por estes cinco anos de solidariedade nos que “cada vez son máis as persoas individuais, asociacións e empresas que, dun xeito ou doutro, desenvolven diferentes accións de apoio a esta iniciativa”, saliente José Luís García.

Como exemplo, durante a campaña de 2015, a Unión Deportiva Bastavales, a piscina municipal, a asociación cultural “O esquío no piñeiro”, os veciños da parroquia de Ons, todos os centros educativos de Brión, a estación de Servizo de Os Ánxeles ou o supermercado Froiz levaron a cabo distintos eventos para recadar doazóns, xestionar as entregas de alimentos ou realizar doazóns.